Colaboramos coa Axencia Galega de Emerxencias

AXEGA e UFD corporativo

UFD e a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) acordaron colaborar para optimizar a comunicación e a coordinación fronte a situacións de emerxencia.

O vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o director de UFD, Raúl Suárez, asinaron un convenio polo cal se establecen canles de información e comunicación bilaterais, prioritarias e específicas para optimizar os tempos de actuación e recursos na xestión de incidencias e emerxencias que afecten as instalacións de UFD en Galicia.

Segundo o acordo, estableceranse unhas pautas de comunicación entre AXEGA e os centros de xestión de incidencias e emerxencias de UFD, de maneira que ambas as dúas partes estean informadas das incidencias que se poidan producir nas instalacións da distribuidora ou naquelas instalacións de usuarios conectados ás súas redes de distribución. O obxectivo do convenio é axilizar o intercambio de información cando unha incidencia esixa a intervención de servizos externos de atención sanitaria, seguridade cidadá, protección civil, extinción de incendios ou salvamento.

As canles de comunicación permanecerán abertas as 24 horas do día e todos os días do ano para poder prestar unha resposta inmediata, áxil e eficiente na xestión de incidencias e emerxencias.

Un dos obxectivos do acordo entre UFD e AXEGA é mellorar a coordinación operativa cando os cortes de subministración afecten zonas extensas e, en especial, facilitar o acceso ás zonas máis remotas en situacións meteorolóxicas adversas, así como dar atención prioritaria a subministracións singulares, como hospitais, residencias e edificios oficiais.

 

Comunicación bilateral de incidencias, urxencias e emerxencias

Segundo este acordo, UFD facilitará a información necesaria, de xeito áxil e fluído, ao CIAE 112 Galicia sobre as incidencias que se produzan nas instalacións da súa propiedade no ámbito territorial de Galicia e que poidan requirir a actuación de servizos externos de atención sanitaria, seguridade cidadá, protección civil, extinción de incendios e salvamento.

Pola súa banda, dende o CIAE 112 Galicia informarase a UFD das urxencias e emerxencias das que teña coñecemento e que se produzan nas súas instalacións ou naquelas que, dentro do seu ámbito de distribución, presumiblemente interveña a compañía.

O convenio tamén establece que AXEGA e UFD colaborarán no estudo e elaboración de protocolos para a actuación conxunta en materia de comunicación, prevención e intervención de emerxencias e protección cidadá. Ademais, acordaranse accións formativas mediante o intercambio de visitas ás respectivas instalacións para coñecelas e así obter a máxima eficiencia na coordinación, colaboración e cooperación establecida no convenio.