Algúns usuarios poden estar conectados a un relé ou interruptor dispoñible no contador de electricidade para accionar acumuladores eléctricos de calor en horarios de tarifa reducida. O uso destes relés foi moi habitual ata a desaparición da denominada “tarifa nocturna” en 2008. Este relé, accionado dende o contador, envía un sinal eléctrico por medio dun cable (normalmente de cor vermella) que chega ata a vivenda ou local de consumo e habitualmente utilízase para accionar acumuladores eléctricos de calor nos horarios de tarifa reducida.

Actualmente, este relé conéctase entre as 22:00h e as 12:00h, é dicir, un total de 14 horas diarias. Pero a partir do 1 de xuño, debido á nova estrutura de períodos punta, chairo e val, o relé dará o sinal no novo período val, dende as 00:00 ata as 08:00 horas, é dicir, só durante 8 horas ao día.

Se dispós deste tipo de dispositivo, é recomendable que contactes cun instalador autorizado para que revise os teus acumuladores de calor accionados con este sistema, e así adecuar o dimensionamento ou, se fose necesario, pasar a controlalos de forma autónoma prescindindo do sinal do relé. Deste xeito, aseguraraste de que a capacidade e a potencia dos aparatos son óptimas para manter o suficiente confort de cara ao próximo inverno.

Estes aparatos están especialmente deseñados para o máximo aproveitamento das tarifas eléctricas con distintos períodos horarios. Os equipos fabricados antes de 2007 posiblemente estean dimensionados para adaptarse á antiga tarifa nocturna, que estivo vixente entre 1983 e 2008.

Os equipos máis modernos teñen un programador para regular en que horarios se carga. Os equipos antigos non teñen estes programadores e moitos acciónanse por medio do interruptor que proporciona o sinal de funcionamento dende o contador. Recomendamos que, para solucionar o cambio motivado pola nova regulación, instales un termóstato na túa vivenda.