Consulta os valores por provincia da capacidade de acceso nas nosas subestacións eléctricas, de acordo co establecido no artigo 12 da Circular 1/2021 da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC).
Mapa de capacidade
No seguinte mapa podes encontrar a posición xeográfica de cada unha das subestacións de distribución.
Sobre a base das especificacións de detalle para a determinación da capacidade de acceso de xeración ás redes de distribución, publicadas pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) o 20 de maio de 2021, en UFD avaliamos a capacidade de acceso ás nosas redes de distribución conforme os seguintes criterios:
- Capacidade de acceso en condicións de dispoñibilidade total
- Capacidade de acceso en condicións de indispoñibilidade en redes malladas con apoio efectivo (N-1)
- Capacidade de acceso en condicións de conexión/desconexión
- Capacidade de acceso por potencia de curtocircuíto nos Módulos de Parque Eléctrico (MPE)
- Capacidade de acceso por potencia máxima para inxectar nun punto
Os nosos estudos de capacidade teñen como obxectivo preservar a seguridade, maximizar a capacidade de integración de xeración e garantir a seguridade da subministración.
A capacidade de acceso publicada en virtude do artigo 33.9 da Lei 24/2013, o artigo 5.4 do RD 1183/2020 e o artigo 12 da Circular 1/2021 debe considerarse como informativa, sen que substitúa a necesidade de realizar un estudo específico para cada solicitude concreta de acceso e conexión á nosa rede de distribución.
Recordamos que, en cumprimento do artigo 8 do RD 1183/2020, non poderemos admitir solicitudes de acceso e conexión naquelas subestacións eléctricas onde se fixo constar que a capacidade de acceso outorgable é nula.
A determinación da capacidade de acceso respecto a unha instalación de xeración específica e a un punto concreto da nosa rede de distribución avaliarase no procedemento de obtención dos permisos de acceso e conexión, tras a correspondente solicitude realizada conforme a lexislación vixente.
A capacidade de acceso dispoñible en cada subestación poderá verse afectada pola influencia das redes adxacentes ou dos informes de aceptabilidade.
Preguntas frecuentes
Publicastes unha subestación con capacidade de acceso dispoñible de 20 MW no nivel de tensión de 20 kV e de 33 MW no nivel de tensión de 66 kV. Quere dicir que poderei solicitar a conexión de 2 xeracións por un total de 53 MW?
Non, a publicación de capacidade dispoñible refírese á máxima capacidade de inxección en cada un dos puntos da rede de distribución, sen considerar a posible influencia entre estes.
Na publicación móstrase unha subestación con 5 MW de capacidade de acceso dispoñible e eu teño interese en conectar unha xeración de 7 MW. Podo solicitar a conexión dos 7 MW?
Si, a capacidade publicada é orientativa e non limita o nivel máximo de xeración que podes solicitarnos para inxectar na rede. Podes solicitar a capacidade que consideres, no punto desexado. Sobre a base destes dous parámetros, dende UFD realizaremos o estudo pertinente para confirmar a capacidade máxima que se pode inxectar no devandito punto da rede de distribución.
A potencia solicitada deberá ser acorde cos limiares definidos no apartado 3.1 do anexo II da especificación de detalle.
Publicastes unha subestación con capacidade dispoñible de 20 MW no nivel de tensión de 15 kV. Quere dicir que existe capacidade de conexión na devandita subestación e, polo tanto, se me outorgará esa capacidade ao presentar a miña solicitude?
Non, a publicación de capacidade circunscríbese a todas as subestacións con capacidade de acceso. Deberase realizar un estudo específico para avaliar a capacidade de acceso e conexión dispoñible no punto solicitado.
Estou a buscar unha subestación no mapa e non a encontro.
As subestacións publicadas no mapa de capacidade son as que polo menos dispoñen dunha barra propiedade de UFD con posibilidade de acceso, sen indicar a súa viabilidade de conexión. Non se mostran as subestacións propiedade dun terceiro.