Lembras que noutro artigo che contamos que a electricidade se orixina co movemento dos electróns que forman os átomos?. Nesta ocasión, ímosche explicar que existen dúas formas distintas de electricidade.
No caso da corrente alterna, o fluxo de electróns é bidireccional, oscila entre os polos positivo e negativo; en cambio,o fluxo de electróns da corrente continua é unidireccional, segue un sinal continuo e mantense fixo no polo positivo.
Seguro que te preguntas: E por que pasa isto? Pois isto é así a causa da diferente forma na que se xera a electricidade en cada caso.
Corrente alterna
No caso da corrente alterna, a fonte que a xera tamén vai cambiando de polaridade. Utilízase este tipo de corrente para os fogares debido á súa facilidade para cambiar a súa tensión (voltaxe) e por ser relativamente doado de transportar a longas distancias.
Este tipo de corrente é a que circula polas nosas redes de distribución. Polo camiño, vai cambiando de tensión, pasando da alta tensión, á media e, posteriormente, á baixa tensión, que é como chega á túa casa.
Corrente continua
A corrente continua pode ser xerada de distintas maneiras, dende fontes químicas como as baterías, en placas solares ou usar a calor mediante o efecto Peltier.
Sabías que…
Moitos dos aparatos que usamos a diario funcionan con corrente continua e podemos atopala en pilas, baterías ou outros aparatos de baixa tensión eléctrica. A gran maioría dos aparatos levan un pequeno transformador, interno ou externo, para converter a corrente alterna en continua.
A primeira rede eléctrica comercial, desenvolvida por Thomas Edison a finais do século XIX, utilizaba corrente continua, pero hoxe en día, debido ás vantaxes da corrente alterna en canto a posibilidades de transformación e transporte, as redes de transporte e distribución utilizan case exclusivamente corrente alterna.
Por exemplo, a rede eléctrica española está conectada coas illas e con Francia utilizando a corrente continua, porque permite transmitir grandes potencias de enerxía con menores perdas.
En cambio, en instalacións illadas/independentes da rede eléctrica con enerxías renovables tamén se usa corrente continua porque se pode almacenar en baterías e dispoñer dela cando non se pode producir.