Coñeces a instalación eléctrica que tes na casa? Sabes se se trata dunha instalación monofásica ou trifásica e que diferenza hai entre elas?
Descobre nesta guía en que consiste unha instalación monofásica ou trifásica para entender as súas diferenzas e saber cal che convén máis.

Que é unha instalación monofásica?

A instalación eléctrica monofásica é a máis común nas vivendas.

A forma máis doada de recoñecer este tipo de instalación é fixándote no tipo de Interruptor Xeral Automático (IGA) do cadro eléctrico xeral da túa vivenda ou negocio. O IGA está normalmente situado na parte esquerda do cadro, ou superior esquerda se hai varias filas (non confundir co ICP que aínda existe nalgunhas vivendas), que é o elemento situado nunha caixa precintable á parte.

Se o IGA é como o da imaxe, cun dispositivo de 2 elementos, quere dicir que a instalación é monofásica.

Pero, cales son as súas características?

  • A instalación ten unha soa fase, cun único circuíto de corrente alterna no que se conectan todos os electrodomésticos.
  • A voltaxe é de 230 voltios, e soporta unha intensidade máxima de 63 Amperios.
  • A potencia máxima para este tipo de instalacións é de 15 kW.
  • O tamaño da vivenda non inflúe, pero si a potencia eléctrica que necesites, porque a potencia do conxunto de receptores, así como a potencia que contrates, ten que ser menor que a potencia máxima que soporta a instalación monofásica.

Que é unha instalación trifásica?

A instalación eléctrica trifásica é a máis común nos servizos xerais do edificio, as empresas e os locais comerciais ou industriais, aínda que tamén se pode encontrar nalgunhas vivendas con moita potencia instalada.

Este tipo de instalación tamén é moi doado recoñecer visualmente se miras o Interruptor Xeral Automático (IGA) do teu cadro eléctrico, porque neste encontrarás un dispositivo de 4 elementos como o da seguinte imaxe:

Y, cales son as características dunha instalación trifásica?

  • Neste caso, a instalación ten tres fases, polo que hai tres circuítos de corrente alterna diferentes nos que se van conectando os distintos equipos (salvo os equipos de moita potencia que se conectan nas tres fases simultaneamente).
  • A voltaxe é de 230 voltios entre fase e neutro (en cada un dos tres circuítos de corrente), e de 400 voltios entre fases (para conectar os equipos trifásicos de moita potencia), e, dependendo de cada instalación concreta, pode chegar a soportar unha intensidade máxima de 630 amperios.
  • Este é o tipo de instalación obrigatoria para calquera subministración cuxa potencia estea por enriba de 15 kW, e ata unha potencia máxima de 400 kW.
  • Aínda que os tres circuítos de corrente son relativamente independentes, para poder optimizar o uso da instalación, a potencia dos distintos equipos que conectemos a cada unha das fases ou circuítos débese repartir da forma máis equilibrada posible entre as tres fases ou circuítos.

Sabías que…?

Os electrodomésticos tamén son monofásicos ou trifásicos.

A inmensa maioría dos electrodomésticos que utilizamos son monofásicos e, polo tanto, só se deben conectar nun único circuíto. Por iso, a maioría das vivendas teñen unha instalación monofásica. Non obstante, nalgúns casos é posible que a túa instalación dispoña dalgún equipo trifásico (climatización, bombeo, ascensor, etc…), o que te obriga a dispoñer de instalación eléctrica trifásica.

A diferenza entre os equipos monofásicos ou trifásicos radica xeralmente no motor. Podes comprobar de que tipo son os teus equipos revisando a súa placa de características. Se a súa tensión nominal (Un) é de 220 V ou 230 V é monofásico (o máis común en vivendas e negocios), pero se é de 380 V ou 400 V é trifásico (máis comúns na industria).

E un detalle a ter en conta que seguro che gustará: os electrodomésticos e equipos monofásicos teñen un consumo menor respecto aos trifásicos.

Teño a instalación máis adecuada?

Agora que xa coñeces as diferenzas entre ambas as dúas, é posible que te preguntes se tes a instalación máis adecuada para as túas necesidades.

Para saíres de dúbidas, necesitas calcular a potencia instalada da túa casa:

  • Se utilizas 15 kW como máximo, a instalación monofásica é perfecta. Como liches, é a que xa teñen a maioría dos fogares.
  • Pero se 15 kW non son suficientes, entón necesitas unha instalación trifásica.

Se vives nunha casa de campo ou afastada do punto de distribución da rede eléctrica máis próximo, tamén se recomenda ter unha instalación trifásica.

Tamén che pode interesar:

Que é a electricidade?

Ler máis

Cal é a diferenza entre volts, amperes e watts?

Ler máis

Cal é a diferenza entre corrente alterna e corrente continua?

Ler máis