Sabías que o phishing é un dos métodos máis utilizados por delincuentes cibernéticos para estafar e obter información confidencial de forma fraudulenta, como pode ser un contrasinal ou información detallada sobre tarxetas de crédito ou outra información bancaria das súas vítimas?
Normalmente, fanse pasar por unha persoa ou empresa de confianza nunha aparente comunicación oficial electrónica, como un correo electrónico.
O correo electrónico utilizado polo atacante na maioría dos casos presentará un dominio lixeiramente modificado ou mal escrito.
Ten coidado coas hiperligazóns, é posible que che redirixan a sitios web fraudulentos nos que se che solicite información confidencial, por iso é moi importante que revises onde che vai redirixir esa ligazón, co fin de evitar que che leve a unha web que simule ser a lexítima.
Vixía os arquivos adxuntos, poden conter software malicioso ou virus. Comproba sempre que o remitente sexa de confianza, e en calquera caso, se confías na fonte e decides descargalos, analízaos antes de abrilos co teu antimalware e utiliza o teu navegador ou un servizo online, como Google Drive, para abrilos de xeito seguro. Evita descargar e abrir ficheiros que teñen máis dunha extensión, ficheiros comprimidos ou executables.
Nos phishing menos sofisticados e máis xenéricos é común atopar mala redacción, discordancia na linguaxe e faltas ortográficas.
Coidado! Os atacantes intentan provocar emocións para que actúes rapidamente sen pensar. Por exemplo, unha multa que hai que pagar rapidamente, un roubo dun contrasinal que precisa ser cambiado sen demora.
Desconfía cando che soliciten datos persoais, fiscais, bancarios… xa que non é común que este tipo de datos se soliciten deste xeito.