Ás veces, a propia natureza ofrécenos as solucións máis sinxelas para reducir o impacto medioambiental das nosas accións e acadar os obxectivos de desenvolvemento sostible.
Por iso, unha das iniciativas que estamos levando a cabo está baseada en solucións tradicionais e sostibles, como o pastoreo controlado de gando autóctono para o control da vexetación por baixo das nosas liñas eléctricas, o que permite que o gando paza nestes terreos.
A roza biolóxica, que implica o uso de gando para controlar a vexetación, é unha alternativa máis económica e sostible que os procedementos mecánicos. As vantaxes deste tipo de solución natural inclúen o aumento da biodiversidade nas zonas de pastoreo, a evolución das masas arbóreas, o enriquecemento dos solos, a fixación de carbono e a prevención de incendios forestais.
Por outra banda, o aproveitamento da superficie baixo as liñas eléctricas permite incrementar a superficie destinada á gandería e a cantidade de forraxe dispoñible para o gando, en consonancia co desenvolvemento da zona e contribuíndo tamén ao obxectivo de fixar poboación no medio rural.
Un exemplo deste tipo de iniciativas é o proxecto ‘Pastando en rede’, que estamos a desenvolver en áreas dos concellos de Friol (Lugo) e Maceda (Ourense), en colaboración co grupo de investigación en Sistemas Agroforestais e Agroecolóxicos da Universidade de Santiago de Compostela, Red Eléctrica (Redeia) e a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.
Tamén estamos a levar a cabo accións semellantes noutras áreas, como Vilariño de Conso (Ourense), onde se están a colocar dispositivos GPS aos animais para facilitar os labores de pastoreo aos gandeiros, e en Nogueira de Ramuín (Ourense), onde se utilizan rabaños de ata 100 animais co obxectivo de analizar o control dos rebrotes de arboredo.
