Estes novos activos, permitirannos facer unha xestión máis eficiente da rede de distribución, mellorando a integración dos novos produtores de enerxías renovables e resolvendo as posibles conxestións derivadas da xeración distribuída, maximizando o aproveitamento da capacidade da rede.
As diferentes tipoloxías de investimento foron as seguintes:
– Investimentos en SmartGrid: teñen como obxectivo utilizar ferramentas informáticas, acompañadas do equipamento máis innovador, para dar resposta á demanda de electricidade baseándose en conseguir unha relación bidireccional entre a propia instalación e o usuario final. Para iso é preciso dotar de ferramentas dixitais e sensorización o conxunto de estacións distribuidoras e transformadoras.
Entre os proxectos previstos neste apartado atópase a Supervisión Avanzada en Baixa Tensión, que proporciona información en tempo real de toda a rede de centros de transformación, e o Xestor de Supervisión Avanzada, que aloxa os equipos que permiten agregar toda a información recollida a nivel de saída de baixa tensión. Adicionalmente, investimos no Analizador de Gas Disolto en Transformador para monitorizar de forma continua o nivel de hidróxeno disolto no aceite de refrixeración dos transformadores, entre outros equipos.
– Acompañando o equipamento anterior, realizamos investimentos en Sistemas de Dixitalización imprescindibles para controlar e procesar toda a información dos novos equipos. Dado o incremento exponencial dos activos de redes eléctricas que hoxe en día se supervisan, a xestión dos devanditos activos converteuse nun dos principais retos na operación da rede de distribución.
Os investimentos previstos en Sistemas de Dixitalización promoven, por unha parte, a mellora da operación dos activos de distribución das redes eléctricas, grazas a un mantemento e monitorización dos activos baseado na supervisión remota, a sensorización, o IoT (Internet of Things) e IA (Intelixencia Artificial), os robots, o control de enerxía, os smart meters e a telexestión, a ciberseguridade, a analítica de datos de fraude e perda, entre outros, ou a mellora da atención ao cliente a través da nosa Plataforma Dixital de Servizos.
– Finalmente, realizamos investimentos nun terceiro grupo de equipos denominados Despachos de Dixitalización, que engloban a dixitalización dos sistemas de automatización, control e protección das subestacións.
Os actuadores son os principais dispositivos que permiten intercambiar datos entre dispositivos intelixentes, tanto dentro dunha mesma subestación coma entre subestacións diferentes. Isto leva consigo a ampliación de funcionalidades de protección, unha mellora da telexestión e da ciberseguridade asociada aos activos dixitais. Estes investimentos contribúen a avanzar na operación a distancia da rede eléctrica, recibindo medidas e sinais de múltiples puntos dispersos pola rede e permitindo o seu manexo remoto. Na medida que existan máis puntos de telecontrol, poderase dotar á rede de maior capacidade para flexibilizar o seu funcionamento.
Por outro lado, a rede de comunicacións está formada por un conxunto de diversas redes de distintas tecnoloxías que conviven co fin de ofrecer a mellor alternativa en cada caso. Os investimentos en fibra óptica e en comunicación sen fíos permitirán transmitir grandes cantidades de información e mellorar o funcionamento da rede no seu conxunto.
Todos estes investimentos descritos anteriormente están recollidos dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e están acollidos ao financiamento da UE a través do Programa “Next Generation UE” xestionados dende o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.