Incorporamos o uso de imaxes por satélite para xestionar a masa forestal

Innovación

UFD e a empresa Cotensa desenvolveron un innovador modelo informático para a xestión da masa forestal ao longo dos corredores eléctricos de alta e media tensión mediante o uso de imaxes tomadas por satélite e tecnoloxía Big Data.

O proxecto, que supuxo un enorme reto pola complexidade de integrar tecnoloxía informática de última xeración, permite realizar as funcións de avaliación e vixilancia dende UFD co obxectivo de programar de forma eficiente as tarefas de mantemento das liñas eléctricas, alertar de eventuais situacións de risco e mellorar as tarefas de talla e poda.

Cotensa, compañía tecnolóxica do Grupo Tecopy, personalizou un software exclusivo capaz de substituír a tradicional vixilancia presencial grazas ao uso de imaxes tomadas por satélite de moi alta resolución e unha plataforma Big Data que permite axustarse ás necesidades de cada proxecto.

O novo programa informático permite realizar un seguimento semiautomático do proceso invasor da masa forestal, avaliar os riscos en función da súa proximidade á rede de distribución e xerar alertas 3D e 2D. As imaxes por satélite ofrecen información precisa sobre a orografía das áreas de interese, a distancia entre as liñas eléctricas e a altura máxima do arboredo ou matogueira, ademais de amosar a evolución das masas forestais en cada época do ano. A análise con esta tecnoloxía satélite de alta resolución tamén permite identificar árbores enfermas ou demasiado altas, así como plantacións ilegais próximas ás liñas eléctricas.

O proxecto piloto desenvolveuse con éxito en Galicia sobre unha lonxitude de 7.243 quilómetros da rede eléctrica de UFD na rexión.

A innovación en Naturgy

A innovación formou sempre parte do grupo Naturgy, que actualmente aposta por unha estratexia de innovación colaborativa e aberta que fomenta a relación con actores externos, como universidades, start-ups, organismos de investigación, emprendedores ou administracións públicas, para promover o intercambio de ideas e convertelas en servizos que garantan unha subministración de enerxía eficiente, sostible e segura.