En UFD axudámosche co autoconsumo

Distribución de electricidade

Queres instalar un sistema de autoconsumo eléctrico na túa vivenda ou empresa e non sabes como tes que facelo? Como empresa distribuidora, dende UFD queremos axudarche, porque temos o compromiso e a vontade de apoiarte en todo este proceso.

Antes de nada, é importante que coñezas as diferentes modalidades de autoconsumo establecidas no Real decreto 244/2019, do 5 de abril, polo que se regulan as condicións administrativas, técnicas e económicas do autoconsumo de enerxía eléctrica, para que valores cal se axusta mellor ás túas necesidades.

Modalidades de autoconsumo

Autoconsumo SEN excedentes

Son instalacións de autoconsumo que producen para o consumo propio e que non verten a enerxía eléctrica sobrante á rede de distribución. Para garantir que non se producen vertidos, nestes casos é necesario instalar un mecanismo antiverteduras homologado.

Autoconsumo CON excedentes

Son instalacións que si verten a enerxía sobrante á rede. Nesta modalidade, danse dous supostos:

 Autoconsumo con excedentes ACOLLIDO ao sistema de compensación

Cando non se consume toda a enerxía que se produciu, inxéctase á rede e recíbese unha compensación económica por iso. É xestionado pola compañía comercializadora, coa subscrición previa dun contrato de compensación de excedentes entre o produtor e o consumidor asociado. Só poden acollerse a este réxime as instalacións de autoconsumo con fontes renovables cunha potencia inferior ou igual a 100 kW que non reciban primas e que teñan un único contrato de subministración, que inclúa, se é o caso, os servizos auxiliares da instalación de xeración.

 Autoconsumo con excedentes NON ACOLLIDO ao sistema de compensación

Verte a enerxía excedentaria á rede de distribución e non ten asinado un contrato de compensación de excedentes de forma voluntaria ou por non cumprir os requisitos necesarios. Esta enerxía excedentaria será vendida no mercado eléctrico e recibirá a contraprestación económica correspondente conforme á normativa en vigor.

Independentemente da modalidade de autoconsumo elixida, o autoconsumo pode clasificarse entre individual, se só existe un consumidor asociado á instalación de produción, ou colectivo, de se tratar de varios consumidores asociados ás instalacións de produción próximas.

Condicións

Para que un consumidor se asocie a unha instalación de autoconsumo, xa for individual ou colectivo, debe cumprir algunha destas condicións:

Estar conectado á instalación de xeración directamente.
Estar conectado á instalación de xeración por medio dunha rede interior (a dunha comunidade de propietarios, por exemplo).
Estar situado nunha parcela que comparta os primeiros 14 díxitos da referencia catastral da parcela onde estea situada a instalación de xeración.
Estar conectado a unha rede de distribución conectada ao mesmo centro de transformación que a instalación de xeración.
 Estar situado a menos de 500 metros (contabilizado en proxección ortogonal en planta) da instalación de xeración e estar conectados, tanto a xeración coma os consumos, en baixa tensión.

Como che axudamos dende UFD?

Cando decidas instalar un sistema de autoconsumo, sexa da modalidade que sexa, tes que facer algúns trámites administrativos e obter certos permisos que podes consultar na guía editada polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE).

En UFD, como empresa distribuidora, indicámosche os pasos para poder instalar o teu autoconsumo. Hai dous pasos: a conexión e o contrato.

 Se a túa instalación é un autoconsumo sen excedentes, sexa cal for a súa potencia, ou é un autoconsumo con excedentes que ten unha potencia menor de 15 kW e que está en solo urbano, non tes que pasar polo proceso de acceso e  conexión. En calquera dos casos, tes que ter en conta que é necesario que a instalación cumpra coa lexislación, os regulamentos (regulamento de baixa tensión, regulamento de alta tensión etc.) e a documentación técnica vixente.

 Se a túa instalación é un autoconsumo con excedentes que non cumpre os dous requisitos explicados no parágrafo anterior, é necesario que pase polo proceso de conexión e acceso. Para iso, só tes que solicitárnolo a través da nosa web.

Ten en conta que, para solicitar acceso á rede de distribución, tes que contar cunha garantía económica ou aval equivalente a 40 €/kW instalados se a instalación é de potencia superior a 10 kW.

Para poder poñer en marcha a túa instalación de autoconsumo, sexa cal for a súa modalidade, será necesario que asines ou modifiques o teu contrato de acceso con UFD ou coa empresa distribuidora asignada á zona onde estea situada a instalación, proceso que poderás facer a través da comercializadora coa que teñas contratada a subministración.

Ademais, ten en conta que, se a túa instalación de xeración ten máis de 100 kW de potencia ou non está conectada por medio de rede interior, é posible que tamén teñas que subscribir un contrato de subministración de enerxía para servizos auxiliares.

En todo caso, dende UFD asesorarémoste en todo, para que non teñas que preocuparte de nada. Cando recibamos a túa solicitude, analizarémola para valorar todas as necesidades e requisitos para poñer en marcha a túa instalación de autoconsumo nas mellores condicións.

Porque, en UFD, querémosche axudar co teu autoconsumo.